O Plan PROA en Galicia.

Plan PROA

A educación debe incluír factores correctores da desigualdade para garantir o acceso de todas e todos a un nivel equiparable ao dos demais. E isto está consagrado nas leis propias, mesmo nas leis elaboradas por estes gobernos actuais, nos tratados internacionais, nas conferencias específicas…

Pero en Galicia non semella sernos aplicable.

En Galicia a Consellería de Educación está a levar unha política de feitos que na práctica resulta ser unha desaparición das posibilidades de integración do alumnado en situación de desigualdade; dito doutra maneira, a Xunta prefire que se perda o futuro dun neno antes de gastar na súa educación; retrocedemos séculos cunha decisión así.

O plan PROA (programas de reforzo, orientación e apoio) concibiuse como un proxecto de cooperación territorial entre as CCAA e o Ministerio de Educación para abordar as necesidades asociadas á contorna sociocultural do alumnado, creando unha serie de programas de apoio aos centros educativos para que estes puidesen traballar na corrección das situacións de desvantaxe educativa atendendo aos colectivos máis vulnerábeis para mellorar a súa formación.

En Galicia, neste curso 2014-2015, o plan redúcese tan só á modalidade de acompañamento escolar  dirixido ao alumnado que curse entre 3º de primaria e 4º da ESO, e ten uns loábeis obxectivos sobre o papel, “mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades, a través do traballo de apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias”, mágoa que fique aí, no papel.

Estamos falando de equidade, esa característica que se define en educación como a capacidade de modificar a influencia da contorna socioeconómica nos resultados académicos e na que, segundo o informe PISA 2009 eramos un dos exemplos máis sobresaíntes da OCDE; esa mesma capacidade que, no informe PISA 2012, aparece como unha característica en declive ao respecto de anos anteriores, precisamente nos anos nos que o goberno e as políticas educativas cambiaron.

A Declaración Mundial sobre Educación para Todos, aprobada na Conferencia Mundial de Tailandia en marzo de 1990, establece claramente que “para que a educación básica resulte equitativa, debe ofrecerse a todos os nenos, mozos e adultos a oportunidade de alcanzar e manter un nivel aceptable de aprendizaxe”.

E a propia lexislación que nos é directamente aplicable di que “todos e cada un dos alumnos e alumnas serán obxecto dunha atención, na busca de desenvolvemento do talento, que converta a educación no principal instrumento de mobilidade social, axude a superar barreiras económicas e sociais e xere aspiracións e ambicións realizables para todos” (LOMCE, preámbulo).

Ou sexa, a educación debe incluír factores correctores da desigualdade para garantir o acceso de todos e todas a un nivel equiparable ao dos demais. E isto está consagrado nas leis propias, mesmo nas leis elaboradas por estes gobernos actuais, nos tratados internacionais, nas conferencias específicas…

Pero en Galicia non semella sernos aplicable.

En Galicia, a consellería de Educación está a levar unha política de feitos que na práctica resulta ser unha desaparición das posibilidades de integración dos alumnos en situación de desigualdade; dito doutra maneira, a Xunta prefire que se perda o futuro dun neno antes de gastar na súa educación; retrocedemos séculos cunha decisión así.

É difícil entender este proceder, porque está en contra de todo o que se estuda e predica en educación, sen tomar en consideración a concepción de arbitrariedade de dereitos que, baixo a errónea, omnipresente, e neste eido inaplicable escusa da limitación económica, está impregnando toda a acción educativa da Xunta.

En primeiro lugar, situando os programas de reforzo na área das accións voluntarias dos centros educativos, de tal xeito que o dereito á educación dunha nena ou neno pode verse limitado simplemente por estar matriculado nun colexio cuxos responsables non decidiron “apuntarse” a estes plans.

En segundo lugar, porque as necesidades do alumnado valóranse en función das dispoñibilidades económicas da consellería, sendo que as situacións que pretenden corrixir os programas de reforzo non son adiables, senón que constitúen situacións de inmediata necesidade que deben ser tratadas no momento no que son detectadas, para garantir a futura inclusión dese neno ou nena na normalidade do sistema educativo.

É obriga, como é para calquera de nós o cumprimento das leis, da consellería de educación a atención a todos os nenos e nenas de maneira axustada á súa realidade persoal.

É obriga da consellería de educación que todas as nenas e nenos galegos, independentemente de que o seu centro escolar solicite ou non, queira ou non, pense que precise ou non, teñan a posibilidade de recibir a atención docente que requiran.

É obriga da consellería de educación a dotación de profesorado abondo que garanta o tratamento do alumnado existente, coas necesidades e peculiaridades que agora mesmo se dean, sen atender a dispoñibilidades orzamentarias nin a catálogos de postos de traballo.

Sempre que nas ANPAs falamos de Educación cos actuais representantes políticos, aparece entre as familias e a administración educativa unha discusión permanente sobre unha realidade que os responsábeis administrativos non semellan ser quen de comprender: unha nena ou un neno con necesidades especiais de atención, por cuestións socioeconómicas, culturais, físicas, psíquicas ou sensoriais, sexan permanentes ou conxunturais, conxénitas ou adquiridas, xeneralizábeis ou tremendamente particulares, en calquera caso, ten que ser axudado dende o primeiro momento, hai que lle pór á súa disposición os medios, as persoas, os materiais e os procedementos que permitan solucionar esas necesidades, porque ten dereito a ese apoio.

A clave está nese dereito, e iso é precisamente o que os responsables educativos negan sistematicamente, e non entenden, ou non queren entender, que dá igual cal sexa o custo, dá igual cales sexan as dispoñibilidades, dá igual que outros gastos haxa que deixar a un lado: é un neno e ten dereito preferente a unha educación que lle permita afrontar a súa vida como todos os demais.

Na Confederación de ANPAS GALEGAS témolo moi claro, e levamos tempo pelexando para que a igualdade nominal, e o dereito á equidade que temos aprobada polos Parlamentos todos, se converta nunha realidade práctica, en algo que poidamos ver e palpar, no apoio dende o que as nosas fillas e fillos teñan asegurado que poderán sacar adiante o mellor de si propios; porque para iso vivimos xuntos, para  camiñar uns xunto aos  outros e avanzar á vez.

 

 

 

Unha reflexión sobre “O Plan PROA en Galicia.

Deixar unha resposta