Fomos á manifestación de Queremos Galego o 8 de Febreiro

Idioma meu, homilde, nidio, popular,

labriego, suburbial e mariñeiro

que fas avergoñar

ó burgués, ó señorito i o tendeiro:

levas sangue de povo e raigañas escuras

que anuncian un día novo

sin mágoas nin tristuras.

Pois sen mágoas nin tristuras como dixo Manuel María, senón con orgullo e afouteza, con seguridade e ledicia estivemos o 8 de febreiro polas rúas de Compostela, con milleiros de galegas e galegos coma nós, que aseguraban o seu dereito, e a súa decisión, de manter a nosa lingua viva para nós e para as fillas dos nosos fillos, para o futuro, para os que veñan detrás de nós, cal é a nosa obriga histórica e  o noso compromiso persoal.

Porque as familias galegas, representadas maioritariamente nesta confederación, estamos cheas de escoitar falsidades e mentiras interesadas, cheas de ver como tentan roubarnos a nosa historia, cheas de comprobar como a educación das nosas fillas e fillos vaise vendo recortada en medios, en expectativas, en atención, en igualdade, e agora tamén en identidade.

Identidade porque é a lingua quen nos une, quen nos define, quen nos explica e nos contén; a lingua que ten que nos levar ao seu través para que comprendamos o que vivimos de a cotío; a lingua que é condición e soporte da nosa integración entre as xentes, esa é a lingua que nós queremos para as nosas fillas e fillos; non queremos outra, nin disfrazada de futuro comercial, nin vestida co ouropel da hexemonía, porque todas as demais non son a nosa; e, non sendo nin peores nin mellores, non serven do mesmo xeito.

Por iso defendemos con forza e teimosía xa non o noso dereito a falar e ser falados en Galego, ese témolo e non precisamos que ninguén nolo autorice; defendemos moito máis, Esiximos que a nosa infancia e xuventude non sexa enganada, que non se lle debuxe un mundo falseado no que semelle que a súa lingua, porque o galego é a lingua mesmo de quen non a falan, non ten os recursos para estudar, traballar, amar e medrar.

Nós queremos que os nosos fillos e fillas teñan o mellor que poidamos entregarlles, queremos que vivan mellor que nós, que aprendan máis ca nós, que teñan a capacidade de mirar máis ao lonxe, e que a súa mirada sexa comprensiva de todo o que alí estea. Queremos que se abran a un mundo amplo, plural, variado e inesperado, cheo de ideas e de logros, ateigado de posibilidades e de cambios, e sabemos que esa abertura comeza na firmeza do propio, no recurso permanente á seguranza do que nos vertebra e nos constrúe, porque ter a onde regresar, saber de onde partimos, é o que nos permite viaxar sen límites e medrar internamente.

Por iso Queremos Galego, e por iso estivemos polas rúas, defendendo ao mesmo tempo o Ensino e a Lingua, porque non existe Ensino Público Galego se non está apoiado na nosa Lingua, do mesmo xeito que a Lingua ten que ser vehículo e motor do Ensino que a transmite, a conserva e a dignifica.

Deixar unha resposta