En resposta á pedagoxía opresora de Gomendio – acceso á universidade

contra a LOMCE

A Declaración mundial sobre a educación superior no século XXI, que nace da Conferencia Mundial sobre o mesmo tema que se celebrou en 1998, e na que se supón que estiveron presentes os nosos representantes, establece no seu artigo 1 que os participantes “reafirmamos a necesidade de preservar, reforzar e fomentar aínda máis as misións e valores fundamentais da educación superior, en particular a misión de contribuír ao desenvolvemento sostible e á mellora do conxunto da sociedade formando diplomados altamente cualificados e cidadáns responsables, que sexan quen de atender ás necesidades de todos os aspectos da actividade humana…”.

E no seu artigo terceiro.a) di que “no acceso á educación superior non se poderá admitir ningunha discriminación fundada na raza, sexo, idioma, a relixión ou en consideracións económicas, culturais ou sociais, nin en incapacidades físicas”.

Aquí, a secretaria de Estado de Educación, FP e Universidades, Montserrat Gomendio ven de afirmar que o sistema universitario español non é sostible economicamente, porque accede moita xente á universidade e somos un país de impostos baixos; e o problema é quen paga a educación, cando e cómo.

Nós, como pais e nais de nenos e nenas que chegarán en breve a ser usuarios da educación superior, dende a Confederación de ANPAS GALEGAS, e como membros dunha sociedade que conta con esa formación como un dos seus valores e riquezas básicos, afirmamos que o problema é a propia Secretaria de Estado e a política que realiza actualmente o Ministerio de Educación, que ven construíndo, coa LOMCE por estandarte, un modelo educativo que deixa a un lado a todos aqueles que non posúan o diñeiro abondo como para comprar a súa propia formación.

Non imos cansar de repetir que a educación é un dereito de todos os cidadáns, e unha obriga de todos os poderes públicos; que toda a cidadanía, TODA, ten dereito a recibir do Estado os medios que lle garantan o acceso ao nivel formativo máis amplo, e que ninguén pode ser rexeitado no uso dese dereito por razóns económicas.

A educación é un gasto prioritario, preferente, de primeira necesidade, que debe pagar a sociedade toda a través dun sistema impositivo xusto, pero que debe estar antes que ningún outro porque é o futuro, porque é o que nos vai converter nunha sociedade máis  capaz, máis responsable, máis crítica, máis interesada pola súa realidade, con máis recursos para os seus cidadáns.

Pero pode ser que iso sexa precisamente o que o goberno que fala por boca desta señora non quere, porque eses cidadáns responsables dos que fala a UNESCO, eses que se formarían a través dunha educación pública eficaz e equitativa, quizais non admitiran ese tipo de declaracións, nin a quen as emite.

Deixar unha resposta