Anpas Galegas participará na manifestación a favor do galego o 8 de febreiro

Reunión da confederación de Anpas Galegas sobre campaña Libros de Texto e NEE - copia

A confederación de Anpas Galegas participará na manifestación que se prevé masiva a favor do galego o 8 de febreiro, organizada pola plataforma cidadá Queremos Galego.

Dende a Confederación de Anpas Galegas, como representantes dunha parte moi importante das familias galegas, consideramos que temos a obriga de participar nesta xusta mobilización, para manifestar a nosa postura sobre a lingua, sobre o seu uso no ensino, e tamén sobre o seu uso entre a xuventude.

Xa expuxemos noutras ocasións a necesidade de que o ensino público sexa un ensino galego, non só na lingua que se empregue, senón mesmo nos seus contidos e no seu enfoque, xa que entendemos que a aprendizaxe vai de dentro a fóra, do propio ao alleo, do coñecido ao descoñecido, do inmediato ao arredado. Entendemos pois que non é posible que os nosos nenos e nenas teñan unha aprendizaxe aberta e completa se non comezan por comprender cal é a súa realidade xeográfica, económica, política e cultural.

Por suposto, tamén cremos que esa realidade ten que se lles contar en galego, porque entendemos que as linguas non son un elemento caprichoso e aleatorio, son construcións que teñen que ver coa contorna na que se crearon, que obedecen ao xeito de entender a vida que enlaza coa formación dos pobos e das culturas, e que representan o substrato sobre o que nos movemos, moitas veces dun xeito inicialmente inconsciente como todo o que ten que ver coa asunción da propia historia.

E todo isto facémolo sen xuízos de valor, conscientes de que non hai linguas mellores nin peores, e de que o valor dunha lingua non se mide polo número dos seus falantes, nin pola relevancia económica das transaccións  comerciais que se establezan nela; o valor dunha lingua é o valor dunha cultura, calquera é tan importante como todas as demais; mais tampouco negamos o valor engadido que ten para os nosos fillos e fillas o coñecemento do idioma galego que, alén de lles permitir entendérense mellor a si propios, tamén lles abrirá o camiño da colaboración con preto de 250 millóns de persoas que falan portugués, con todo o que iso supón de posibilidades económicas e laborais.

A importancia de estudar en galego, de que as nenas e nenos dispoñan dun lugar no que a inmersión lingüística galega sexa moi grande, mesmo absoluta agás das materias referidas precisamente ao estudo doutras linguas, é para nós un obxectivo irrenunciable. Actualmente, a presenza comercial do inglés nas vidas das nosas fillas e fillos ten acadado un nivel tan grande que se fai necesario contrarrestar esa presenza, que só se debe a motivos de importancia económica, cunha aposta decidida do poder político pola salvagarda da lingua que representa a nosa propia esencia dun xeito maioritario.

Por iso reclamamos que os poderes públicos galegos manteñan unha aposta firme pola lingua que nos une e que nos define, unha aposta cultural, por riba de intereses partidarios porque en galego podemos ser de calquera ideoloxía, e podemos manter calquera premisa política; as linguas dispoñen de palabras para expresar calquera opinión e non son propiedade nin de clases sociais, nin de partidos políticos, nin de distribucións territoriais.

E reclamamos tamén que se traballe, entre todos, nunha permanente campaña de dignificación da nosa lingua, para que os nosos xoves non a abandonen engaiolados polo brillo doutras que se lles están a vender como garantes de maior éxito social e económico. Non é preciso rexeitar o propio para adquirir calquera coñecemento que poida ser útil ao longo da vida, máis ben é necesario aceptalo para poder asentar eses novos coñecementos e saber utilizalos.

E un último apuntamento: nós, as familias, somos quen preservamos a lingua e quen a entregamos aos máis novos; nós somos quen a conservamos durante séculos e somos tamén quen a defendemos e quen a apreciamos. Non admitimos ser os responsables da súa perda, nin toleramos que se desvíen cara nós responsabilidades que están moi claras para todos: son as políticas de confrontación  e o repetido discurso do valor doutros idiomas mentres se cala a importancia do noso, esas son as responsables da perda de falantes, e da perda do orgullo de falar a propia lingua; e se perdemos o orgullo do propio tamén perdemos o respecto polos nosos propios valores e fortalezas, e teremos unha xuventude que abandone novamente un país do que non se sente partícipe e co que non se identifica.

Unha reflexión sobre “Anpas Galegas participará na manifestación a favor do galego o 8 de febreiro

  1. Pingback: A Confederación de Anpas Galegas reclama Queremos Galego na manifestación en Compostela | Confederación de Anpas Galegas

Deixar unha resposta