As familias si nos pronunciamos!

queremos galego

Onte, 26 de decembro, o xornal La Voz de Galicia publicou un artigo sobre a importancia da política lingüística, no que fai un repaso sobre as conclusións que se tiran do estudo recentemente publicado polo Instituto Galego de Estatística ao respecto do uso de galego na vida cotián e nomeadamente entre a xuventude.

Nese artigo faise unha afirmación: “Feijoo deféndese responsabilizando ás familias de que agora os cativos non queiran falar galego, namentras que as familias non se pronunciaron polo de agora…”, e dende a Confederación de Anpas Galegas, como representantes dunha parte moi importante das familias galegas, pensamos que temos a obriga de responder a esa afirmación, e repetir as veces que sexa necesario cal é a nosa postura sobre a lingua, sobre o seu uso no ensino, e tamén sobre o seu uso entre a xuventude.

Dende esta confederación mantivemos sempre, dun xeito inequívoco, a necesidade de que o ensino público sexa un ensino galego, non só na lingua que se empregue, senón mesmo nos seus contidos e no seu enfoque, xa que entendemos que a aprendizaxe vai de dentro a fóra, do propio ao alleo, do coñecido ao descoñecido, do inmediato ao arredado. Entendemos pois que non é posible que os nosos nenos e nenas teñan unha aprendizaxe aberta e completa se non comezan por comprender cal é a súa realidade xeográfica, económica, política e cultural.

Por suposto, tamén cremos que esa realidade ten que se lles contar en galego, porque entendemos que as linguas non son un elemento caprichoso e aleatorio, son construcións que teñen que ver coa contorna na que se crearon, que obedecen ao xeito de entender a vida que enlaza coa formación dos pobos e das culturas, e que representan o substrato sobre o que nos movemos, moitas veces dun xeito inicialmente inconsciente como todo o que ten que ver coa asunción da propia historia.

E todo isto facémolo sen xuízos de valor, conscientes de que non hai linguas mellores nin peores, e de que o valor dunha lingua non se mide polo número dos seus falantes, nin pola relevancia económica das transaccións  comerciais que se establezan nela; o valor dunha lingua é o valor dunha cultura, calquera é tan importante como todas as demais; mais tampouco negamos o valor engadido que ten para os nosos fillos e fillas o coñecemento do idioma galego que, alén de lles permitir entendérense mellor a si propios, tamén lles abrirá o camiño da colaboración con preto de 250 millóns de persoas que falan portugués, con todo o que iso supón de posibilidades económicas e laborais.

A importancia de estudar en galego, de que as nenas e nenos dispoñan dun lugar no que a inmersión lingüística galega sexa moi grande, mesmo absoluta agás das materias referidas precisamente ao estudo doutras linguas, é para nós un obxectivo irrenunciable. Actualmente, a presenza comercial do inglés nas vidas das nosas fillas e fillos ten acadado un nivel tan grande que se fai necesario contrarrestar esa presenza, que só se debe a motivos de importancia económica, cunha aposta decidida do poder político pola salvagarda da lingua que representa a nosa propia esencia dun xeito maioritario.

Por iso reclamamos que os poderes públicos galegos manteñan unha aposta firme pola lingua que nos une e que nos define, unha aposta cultural, por riba de intereses partidarios porque en galego podemos ser de calquera ideoloxía, e podemos manter calquera premisa política; as linguas dispoñen de palabras para expresar calquera opinión e non son propiedade nin de clases sociais, nin de partidos políticos, nin de distribucións territoriais.

E reclamamos tamén que se traballe, entre todos, nunha permanente campaña de dignificación da nosa lingua, para que os nosos xoves non a abandonen engaiolados polo brillo doutras que se lles están a vender como garantes de maior éxito social e económico. Non é preciso rexeitar o propio para adquirir calquera coñecemento que poida ser útil ao longo da vida, máis ben é necesario aceptalo para poder asentar eses novos coñecementos e saber utilizalos.

E un último apuntamento: nós, as familias, somos quen preservamos a lingua e quen a entregamos aos máis novos; nós somos quen a conservamos durante séculos e somos tamén quen a defendemos e quen a apreciamos. Non admitimos ser os responsables da súa perda, nin toleramos que se desvíen cara nós responsabilidades que están moi claras para todos: son as políticas de confrontación  e o repetido discurso do valor doutros idiomas mentres se cala a importancia do noso, esas son as responsables da perda de falantes, e da perda do orgullo de falar a propia lingua; e se perdemos o orgullo do propio tamén perdemos o respecto polos nosos propios valores e fortalezas, e teremos unha xuventude que abandone novamente un país do que non se sente partícipe e co que non se identifica.

Deixar unha resposta