Falamos de accesibilidade na reunión con COGAMI

F - copia

O pasado 13 de outubro, parte da directiva da Confederación de ANPAS GALEGAS reuniuse con Manuel de Lario, responsable da área de accesibilidade de COGAMI, Confederación Galega de Persoas con discapacidade.

O motivo desta reunión foi dar os primeiros pasos para o desenvolvemento dun proxecto conxunto, un traballo sobre a accesibilidade nos centros educativos galegos, coa pretensión de visualizar as carencias, ou as dotacións se as houber, que os nosos colexios e institutos teñen neste eido, e que están impedindo a normal e desexada incorporación daquelas persoas que, definitiva ou conxunturalmente, teñen calquera tipo de discapacidade.

A inclusión de todas e todos no ensino de todas e todos, no ensino público, é unha meta que debe estar sempre presente no noso traballo. Non teremos un ensino completo, nin socialmente eficaz, mentres o que haxa dentro dos nosos centros educativos non sexa un fiel reflexo da realidade que hai nas rúas e nas casas. Por iso queremos traballar sobre esa realidade, e por iso iniciamos esa campaña.

Acordamos na reunión iniciar o deseño dunha etapa formativa que chegará até cada centro educativo que participe,  na procura da implicación directa do maior número de persoas, tanto familias como alumnado e profesorado, non só para mellorar os resultados obtidos, senón para que mesmo o traballo que se faga sexa xa un procedemento de participación que fomente a inclusión que desexamos

Na reunión falouse de accesibilidade, case podemos dicir que foi a primeira charla formativa e nós mesmos fomos os primeiros alumnos, e aprendemos un primeira pincelada do que hai detrás dese termo; así coñecemos que estamos a falar non só de itinerarios –ramplas, portas, aseos, ascensores- senón tamén de orientación –bandas guía, sinalización, relación da persoa co espazo-, de información – alarmas, paneis, coexistencia de sinais auditivas e visuais- e mesmo soubemos da existencia da indución magnética, un procedemento técnico polo que se reforza a conectividade do oínte con implantes cocleares  ou con audífonos coa realidade exterior.

Como sempre que nos achegamos a esta realidade descubrimos dúas cousas, o grande que é o descoñecemento social sobre as problemáticas e as solucións existentes no tratamento das discapacidades, e o doado que é, na maioría das ocasións, solucionar problemas que provocan o apartamento social de moitas persoas.

Mesmo comezamos a afianzar unha idea clara: a maioría das solucións posibles non son custosas nin complexas, só hai que ter a vontade de incorporalas á normalidade, de ter o pensamento constante desas problemáticas para que os deseños, as construcións, as restauracións , as programacións e a organización da vida cotiá saiban e amosen que coñecen a existencia desas peculiaridades. Custa tanto moitas veces facer as cousas para todos como facelas só para algúns, e a diferenza de resultados é notoria.

Saímos da reunión emprazándonos para moitas outras, en cada ocasión máis concretas e especializadas, e coa sensación conxunta de que estamos a traballar nun tema que merece totalmente todos os esforzos que todas as partes poidamos dedicar.

2 reflexións sobre “Falamos de accesibilidade na reunión con COGAMI

  1. Pingback: Formación sobre accesibilidade nos centros educativos | Federación de Anpas da Costa da Morte

  2. Pingback: Curso sobre accesibilidade en espazos públicos | Confederación de Anpas Galegas

Deixar unha resposta