A Confederación de Anpas Galegas comeza con ilusión un novo curso con novos proxectos

Reunión Confederación de ANPAs Galegas

O 3 de outubro pasado reunímonos en Compostela todas as federacións que formamos ANPAS GALEGAS para falar deste curso que encetamos hai tres semanas. Cando rematamos a reunión confirmamos que quedaba moito por facer, e que temos as gañas, a ilusión e a forza para facelo.

Denantes de ningunha outra cousa, comezamos valorando positivamente a actividade do curso anterior, a nosa campaña pola gratuidade dos libros de texto e material escolar foi moi ben acollida polas ANPAs asociadas, pero tamén por todas as forzas políticas progresistas do noso País. E ese acollemento fainos pensar que o futuro apoiará a nosa opción, porque é a máis lóxica dende o punto de vista educativo e a máis rendible dende o económico.

Non é unha campaña pechada, non pode selo en tanto non se consiga a gratuidade do ensino obrigatorio; e por iso constatar o conseguido non é máis que asegurar o punto de arranque para a acción deste curso: continuaremos defendendo que a administración é quen ten que prover de material a todos os estudantes do ensino público, e farémolo mantendo presente o debate e a reivindicación en todas as nosas accións.

E tamén promoveremos que as ANPAs NON participen nos bancos de libros que a administración vai organizar – ninguén sabe como – na finalización do curso que agora comeza. Entendemos que ese é un traballo administrativo que non é da nosa competencia e que non é a fórmula axeitada para conseguir a gratuidade que esiximos.

Na reunión non só falamos do que continúa, tamén quixemos falar do que comeza, do que faremos a partires de agora, e todo o que se faga ten que partir de que este curso que comeza ven marcado por dúas circunstancias temporais:

  • A implantación da LOMCE nos cursos impares de primaria.
  • As eleccións municipais do vindeiro mes de maio de 2015.

Canto á primeira decidimos manter o noso permanente rexeitamento á nova Lei educativa, coa mirada posta na súa posible derrogación, pero sen deixar de participar na crítica do seu desenvolvemento, como xa dixemos cando falamos da elección de directores, ou tras o acordo do Goberno español co Goberno Vasco.

E estaremos especialmente atentos ao que consideramos “desenvolvemento ideolóxico”. A LOMCE non é só unha lei, a LOMCE é un xeito de comprender o Ensino Público co que nós estamos en absoluto desacordo.

Desgraciadamente xa está entre nós, cando se eliminan as axudas para o material adaptado ao alumnado NEAE que está no ensino ordinario, mentres que se facilitan para os que están en centros de educación especial.

Tamén está cando se incide cada vez máis no recorte de profesorado, no profesorado compartido, nas necesidades non cubertas, na falta de continuidade na cobertura das prazas de orientadores, AL e PT.

E está tamén cando este goberno non considera os servizos escolares complementarios como unha necesidade educativa, ademais de social.

Ou cando rexeita sistematicamente reunirse coas familias ou pretende darlle a todos os problemas unha dimensión particular para ver de ocultar a súa auténtica incidencia social.

Canto ás eleccións municipais falamos de información, pensamos que temos que lle dicir aos partidos políticos, que pretendan gobernar os nosos concellos nos seguintes catro anos, cal é a nosa opinión sobre o que un concello debe facer polo Ensino Público; e pedir o seu explícito compromiso para despois poder xulgar a súa honestidade no cumprimento. Traballaremos nesa liña, e comunicarémolo.

Ao longo da reunión afirmamos, dende todas as federación, que a presente política de recortes de persoal e asfixia económica dos centros educativos está tendo como primeiras vítimas ao alumnado de necesidades especiais.

A súa desatención por falta de medios, unha vez que xa nin o profesorado nin as direccións son quen de cubrir a inacción da administración educativa, está provocando un deterioro xeral do noso Ensino Público, fundamentalmente naquilo do que nos sentimos máis orgullosos e seguros: o tratamento equitativo de todas as nenas e nenos.

E como queremos que o ensino continúe a ser para todas e todos, e como defendemos que o lugar de todas as nenas e nenos está nunha aula dun centro público, participando cos demais cos seus valores e as súas diferenzas, propuxémonos traballar neste próximo curso dun xeito especial na denuncia das necesidades do noso sistema público, as que había, e as que creou e segue creando a actual administración da Xunta de Galiza.

E falamos de moitas máis cousas, das próximas eleccións a membros de consellos escolares, da inaceptable participación económica das familias nos servizos complementarios, do inasumible peche do centro San Francisco de Vigo, da necesidade de que os servizos de madrugadores formen parte da oferta educativa…

E rematamos a reunión asegurando que quedaba moito por facer, e que temos gañas, ilusión e forza para facelo.

 

Deixar unha resposta