Anpas Galegas mantivo unha reunión de traballo co presidente da FEGAMP

Reunión Anpas Galegas e  FEGAMP

Hoxe, 9 de abril, a Confederación de Anpas Galegas, representada nesta ocasión polo vicepresidente e a secretaria, mantivo unha reunión de traballo co presidente da FEGAMP, José Manuel Rey Varela, ao obxecto de clarexar a situación plantexada coa entrada en vigor da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sostibilidade da Administración Local.

A preocupación desta confederación, e o motivo polo que se solicitou a entrevista, é a situación na que quedan os investimentos en educación feitos polos concellos logo da irrupción desta lei no panorama local.

De nos guiar pola literalidade da nova norma, os concellos perderían todas as competencias en materia educativa, agás do mantemento dos centros de infantil e primaria; aínda que caberían convenios coa administración autonómica, malia que moi dificultados pola necesidade de viren finanzados de xeito absoluto.

A nosa Confederación é totalmente partidaria de que as competencias educativas se sitúen no seo da Administración autonómica, incluíndo as que agora mantén o Estado, e mesmo asumindo as relativas ao mantemento dos centros de infantil e primaria; pero esa intención non pode significar un empeoramento da situación actual: a transmisión de competencias non pode facerse por abandono obrigado das que actualmente xestionan os concellos se non hai detrás un plan obxectivo, serio e ben organizado para garantir a normalidade na prestación de servizos.

Cando pedimos esta reunión, esa era a situación: os Concellos non poderían manter a situación actual e veríanse forzados a prescindir de todo o que facían en materia educativa, incluíndoo campo asistencial, conciliador, ou de prestación de servizos de comedores, campamentos, etc.

No longo prazo intermedio entre que pedimos a xuntanza e o día de hoxe, a Xunta de Galicia tramitou un proxecto de lei, que ha ser lei en breve segundo nos dixo o presidente da FEGAMP, que na práctica limítase a deixar sen efecto a situación provocada pola lei estatal; unha lei que terá vigor ata que, segundo palabras de José Manuel Rey, se modifique o sistema de finanzamento autonómico e local, cousa que non é en absoluto inmediato. Mentres tanto, e tamén son palabras do presidente da FEGAMP, mantemos o “statu quo”.

Resumindo, a situación actual é de inacción, a Administración estatal deu un paso , a Xunta deu outro para anular o que deu o Estado, e o resultado é estarmos como estabamos, pero coa vantaxe de que o problema que todos viamosxa dende hai tempo,  agora está posto enriba da mesa, que é o primeiro pasao para solucionarlo.
Agradecemos a rotundidade e claridade coas que o presidente da FEGAMP contestou ás nosas preguntas, e alegrámonos do consenso existente entre esa organización e a nosa á hora de reivindicar que as competencias educativas, todas, tanto as directas como as tanxenciais, deben ser xestionadas pola Xunta de Galicia.

Deixar unha resposta