Ensino Público Galego versus Ensino Privado

?????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????????

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza, Xesús Vázquez Abad, presidiu este pasado venres,  14 de marzo, a entrega dos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2012/2013 e de Formación Profesional correspondentes ao curso 2011/2012; así como os galardóns da fase galega do XIV Concurso Hispanoamericano de Ortografía 2013.

O titular do departamento  da consellaría de educación salientou estes premios como un froito do esforzo do  alumnado, das familias e do profesorado.

Ao premio de bacharelato preséntase o alumnado de centros públicos e privados de toda Galiza. Para poder participar nestas probas deben obter unha cualificación final media nos dous cursos de bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos (media de sobresaliente).

O resultado destes Premios Extraordinarios  amosa uns datos ben interesantes:

nos 15 primeiros postos hai 12 alumn@s de centros públicos e só hai 3 de centros privados. Se atendemos aos parámetros “Wert” e avaliamos a calidade polos resultados obtidos, os centros públicos alcanzan os primeiros postos e os privados saen moi mal parados.

Todas e todos sabemos que a calidade do ensino non se avalía dese xeito (polo menos sería  incorrecto) pero, como o goberno do estado e o da Xunta de Galiza usan a xestión das empresas privadas de ensino como exemplo a seguir,  o sistema de xestión privada sae bastante mal parado.

Pasa o mesmo no  caso dos Premios Extraordinarios de Formación Profesional de grao superior, onde se recoñeceu o traballo de 21 estudantes. Para optar a estes premios extraordinarios de FP os aspirantes debían ter rematados os estudos de formación profesional de grao superior no ano 2012 nun centro docente de Galiza e ter obtido unha cualificación final media de todos os módulos igual ou superior a 8,50.

Atendendo aos excelentes resultados que obtivo o alumnado de FP dos centros públicos, cal é a razón de  concertar ciclos formativos con centros privados mentres se lles denega aos públicos?

Se nos centros públicos hai espazo suficiente  e profesorado tan ben preparado para impartilo, o que supón un aforro considerábel para as arcas públicas, que sentido ten favorecer ás empresas de ensino privado que sacan tan malos resultados?

Como pon a pancarta deste artigo: Se os cartos son públicos, o ensino tamén. E ademais dá, como comprobamos, mellores resultados educativos.

2 reflexións sobre “Ensino Público Galego versus Ensino Privado

  1. Esto di moito. Os nosos nenos no publico e o noso diñeiro tamen para que eles poidan ser o que queran, para eso traballamos os seus pais.

Deixar unha resposta