Continuamos coa intensa campaña pola gratuidade dos libros de texto e material escolar.

Reunión da confederación de Anpas Galegas sobre campaña Libros de Texto e NEE - copia

Continuamos na Confederación de Anpas Galegas coa intensa campaña para relanzar, ao longo de todo o País,  a permanente reivindicación da gratuidade de todo o material escolar, e moi en concreto dos libros de texto, no ensino obrigatorio así como a aposta polo sistema de préstamo como fórmula para artellar o uso de libros de texto na nosa Comunidade.

En Anpas Galegas entendemos o ensino obrigatorio como unha incuestionábel responsabilidade social, como unha conquista histórica que debemos aprezar dun xeito distinguido. E esa especial atención tense que materializar na presenza de todas as facilidades necesarias para que todo o alumndo teña medios dabondo para aproveitar e se beneficiar deste esforzo conxunto.

Defendemos a absoluta, completa e universal gratuidade de todo o ensino público obrigatorio, e de todo o material que ese ensino precise; e asumimos totalmente o informe de outubro de 2013 da Defensora do Pobo: A Constitución non só define o ensino básico como gratuíto, senón tamén como obrigatorio. E do estabelecemento dese deber constitucional ten que se deducir o correlativo deber público de proporcionar todos os medios imprescindibles para que poida ser cumprido.

Por iso, continuamos coa campaña de demanda social na que as asociacións de nais e pais de alumnos deste País, diremos publicamente que queremos que sexa a administración educativa galega quen proporcione os libros de texto, e esixiremos que o faga sen subvencións nin cheques, senón mediante un sistema de préstamo que, ademais de asumir a obriga pública de facilitar que o ensino obrigatorio sexa gratuíto, participe tamén na difusión dos valores da reciclaxe, do coidado e do traballo en equipo entre a nosa xuventude.

Unha reflexión sobre “Continuamos coa intensa campaña pola gratuidade dos libros de texto e material escolar.

Deixar unha resposta