PISA: a educación en tempos do neoliberalismo.

 Neoliberalismo no Ensino

Está ben, o alumnado galego está por riba da media española en todos os indicadores PISA (comprensión lectora, alfabetización matemática e alfabetización científica). En comprensión lectora (en castelán) Galiza medra e chega aos 499, o que a converte na sexta comunidade autónoma. Hai  6 anos estaba en 479 puntos, moi por debaixo da media da OCDE (492) e agora está tres puntos por riba. O que indica que o castelán non estaba relegado na escola como sinalan as actuais autoridades educativas da Xunta de Galiza como coartada para eliminar o galego do ensino.

Tamén en ciencia obtén un excelente resultado (7 puntos máis que no 2.006): 512 puntos,  11 puntos por riba da media da OCDE e 16 por riba da media española e sete dende 2006. Só en matemáticas está máis baixo que a media: 489 puntos, cinco menos que a media da OCDE, pero cinco máis que a media no estado.

Ou sexa, se o referente é PISA o Ensino Galego está bastante ben a pesar que se usou, por parte do actual goberno do estado, para impoñer unha lei (LOMCE) que pretende liquidar a igualdade de oportunidades e que expulsará do ensino ao alumnado con menos recursos.

Pero PISA, esa coartada da OCDE, é un axeitado referente educativo? Os tipos de probas dan, realmente, información veraz do nivel alcanzado polo alumnado?

Pois semella que non pois, aínda que se avalían certos indicadores, hai outros que non se teñen en conta para unha educación integral. O que mide PISA ocupa un pequeno parágrafo e o que non avalía enche unha páxina.

Por exemplo, Jurjo Torres lembra nestevídeo o que PISA non avalía:

·        A escritura (o acto máis complexo, o que realmente di como está organizada a nosa mente é a escritura), a capacidade de expresarse, de comunicarse e de razoar.

·         As habilidades para o debate e a comunicación respectuosa;

·      Os coñecementos, procedementos, destrezas e valores artísticos.

·         A formación literaria.

·Os coñecementos e capacidades para interpretar e situar momentos históricos.

·         Fenómenos políticos e sociais.

·         A capacidade de análise crítica.

·  A competencia para pensar, analizar e tomar decisións desde marcos interdisciplinares.

·         A educación psicomotora e competencias deportivas.

·        A educación ética e moral.

·      A educación para a cidadanía e os Dereitos Humanos;

·       A capacidade de resolución de conflitos.

·      A apertura de espírito e compromiso con outras culturas e pobos.

·         A participación na xestión da vida cotiá nas institucións escolares.

·          A educación ambiental.

·         A educación para a saúde.

·         A educación para o consumo.

·          A educación vial.

·         A capacidade para realizar xuízos informados e razoados.

·         A capacidade de colaboración e de axuda aos demais.

·         O nivel de responsabilidade e o compromiso coa democracia.

·Os valores e prioridades para a vida en sociedades democráticas,…

·   Os hábitos culturais: lectura, asistencia a concertos, museos, conferencias,…

·       A educación mediática ou en medios de comunicación;

·         A educación afectivo – sexual.

·   … ademais de todos os contidos obrigatorios de todas as materias que impoñen o Ministerio de Educación e as Consellarías de Educación das Comunidades Autónomas.

 

Estes aspectos non os mide ninguén!

Deixar unha resposta