Anpas Galegas estivo presente nas I Xornadas de comedores de FOANPAS

I XORNADAS COMEDORES-DECEMBRO 2013

No remate das conclusións das I Xornadas de Comedores Escolares realizadas por FOANPAS en Vigo – nas que se  contou  coas ponencias de D. Manuel Vilela (pediatra), Dna. Leticia Martínez (psicóloga), D. Javier Sánchez (presidente de Anpas Galegas) e de Dna. Bertila Fernández (portavoceira de Foanpas) – expúxose que as ANPAS loitamos para que a Administración asuma a xestión de todos os comedores, pero esta non debe realizarse de calquera xeito, “…a Administración ten que garantir que o servizo sexa igualitario, gratuíto e que favoreza a conciliación da vida laboral e familiar.”

Xa con data de 18 de marzo de 2.013, un escrito presentado por Fernando Lacaci – en representación das federacións de Anpas Compostela e comarca, ANPAs de Vigo (FOANPAS), Ferrolterra, Cangas, Ponteareas, Val Miñor e Costa da Morte – ao titular da consellaría de Educación da Xunta de Galicia, expresaba que estas federacións concibían os comedores como un servizo do ámbito escolar que debe ser asumido dende os presupostos da Comunidade Autónoma, como se asumen os custos da educación obrigatoria. No documento (ESCRITO DENUNCIA COMEDORES) rexeitábase a  normativa imposta polo goberno da Xunta “ porque non só non avanza senón que retrocede na universalización deste servizo.”

Lembrábase no escrito que “a educación non é un gasto, é o máis grande investimento que fai unha sociedade, e a nosa obriga é procurar para este investimento os fondos imprescindibles que garantan a súa eficacia”.  

Deixar unha resposta